POSTDATA
Arquivado en : FIN DE PARTIDA por susodetoro
Arquivado en : FIN DE PARTIDA por susodetoro
2010/06/04
E xa vai sendo tempo de cerrar este “blog?” e deixar de actualizalo.
(E por certo, xa que estamos, a fotografía da parte superior é a de tres atletas subidos a un podium nas olimpiadas de México de 1968: Tommie Smith e John Carlos son os dous homes pretos co puño en alto para protestar pola opresión da xente da súa raza nos EE.UU. O terceiro é Peter Norman, xove carniceiro australiano que aprendeu a correr con tenis prestados e que se solidarizou con eles portando unha insignia polos dereitos humanos. Os dous atletas pretos foron destruidos. Norman tamén.)
Foime distraído o ter o blog aberto, aínda que respondía a algo que me proía: en vendo o que se dicía do Suso de Toro na Rede quixen que tamén estivese aquí a miña voz, a miña versión do tal personaxe ou autor. Pode que servise de algo ou pode que non, non sei dicir.
Doutra banda sempre me interesou un aspecto da arte, o proceso de creación en si mesmo, o camiño que se anda antes de chegar á obra acabada e o blog dun escritor ten algo diso, de acompañamento á creación. Abrín o blog en marzo do ano 2009, van alá 650 apuntamentos entre cancións roubadas, artigos e textos de todo tipo, as máis delas cousas deliberada ou indeliberadamente “sen valor”. Aínda que sempre entendín que para comprender, que etimolóxicamente é “abranguer”, a obra dun autor hai que coñecela enteira, pois todo o que escribe un autor ten significado dentro do contexto da súa obra. A obra dun autor é todo o que decide publicar, sexa obra longa ou breve, efémera ou con pretensión de durar, para un público lido ou ágrafo. E entendo que todo o que hai neste blog é parte da obra do autor Suso de Toro, empezando por aquelas “Botelhas ao mar” que empezaran hai once anos e que tamén andan por algún recuncho deste “Blog?”
Non me ativen ás normas que rexen e caracterizan aos blogs, pois por varios motivos sentinme incapaz de recibir e atender aos apuntamentos de resposta doutros internautas. As miñas desculpas a quen buscase aquí ese diálogo propio dos blogs.
Comeceino cun texto que había de ser o principio dun libro que xa estaba en construcción, “Sete palabras” (e que entón eu titulaba “Arte de maxia”). Finalmente eses parágrafos non acabaron no libro, elimineinos. Destrucción e mais construcción é a creación artística. E remato este “Blog?” cando aquel libro xa camiña por aí. Un momento extraño, botando aínda un libro a andar e retirándose ao tempo, o pasado pésanos a todos e xa non vou tendo forzas para encarnar a Suso de Toro decote. Ese traxe fóiseme facendo pesado de máis.
Endemais, o que quería comprobar xa o fixen. O sentido de escribir para min baséase en dous pés, un é a necesidade de expresión, e sinto que tras “Sete palabras” iso está satisfeito, podería seguir a escribir historias porén coido que non son necesarias. O outro pé foi a necesidade de probarme, de probar se era quen a escribir unha obra que se medise coas dos autores que eu admiraba. Dentro de min xa cheguei a unha conclusión ao respecto, así que o recoñecemento crítico que haxa agradézoo verdadeiramente, mais sinto que dependo menos que nunca da opinión da crítica sobre os meus libros.
A crise económica e a crise na literatura como industria e como profesión, a partir das miñas propias dificultades profesionais, leváronme a repensalo todo nos últimos dous anos, sobre todo a nova situación para os autores que viven do seu oficio, moi específicamente no caso do escritor en lingua galega. Concluín que a figura de escritor que ensaiei chegou a unha fin de camiño, tocaba cambiar de oficio, apartarme e darme unha tregua. Niso estaba eu.
Así estaban as cousas até que, recibido un destino para reincorporarme como funcionario, nun “post” informei a quen lese neste blog do cambio de profesión e de actividade, desde ese momento cambiou para min a relación co blog. O post transformouse en noticia e desencadenou un proceso de explicacións pola miña parte e de debates tan cansado como interesante.
A primeira sorpresa para min foi descubrir o que pode irradiar un blog. A segunda foi que a esa decisión personal fose considerada noticia. A terceira, que houbese persoas realmente desgustadas e tristes pola miña decisión. Cousa que non imaxinaba e que lamento non ter previsto dalgún xeito. Máis dunha persoa chegoume a dicir que lle debía unha explicación, iso desconcertoume: realmente debíalla? Vinme obrigado a plantexarme esa cuestión: ten o escritor a obriga de dar contas aos lectores dos seus libros dunha decisión relativa á súa actividade de escritor e que atinxe aos intereses deses lectores? Que caste de pacto establece o escritor cos seus lectores? Paréceme un asunto interesantísimo.
O verdadeiro coñecemento gáñase coa experiencia, esta experiencia aprendeume que ese pacto existe, fixéronmo ver os lectores: o escritor depende dos lectores e está en débeda con eles. Os lectores son o seu amo, a súa ama. Concordo con que me pediu explicacións, e coido que estou a dar as explicacións debidas. Salvo caso de morte ou doenza seria, o lector ten dereito a agardar que o escritor entregue o seu traballo coa regularidade que sexa e se non é así, ten dereito a unha explicación. Asemade, as nosas experiencias deben ser transmitidas a outras persoas para que podan ser aproveitadas e superadas. Os vivos levantámonos sobre os que viviron antes, así somos os seres humanos.
Tamén comprobei que as reaccións respondían a demandas distintas: había quen me recriminaba o que xa non podería ler futuros libros meus, e esa foi a recriminación máis incómoda pois sinto que é xusta, faime sentir en débeda. Só podo dicir que, entanto que esteamos por aquí, coa vida nunca se sabe. Tamén houbo quen, non sendo lector dos meus libros, consideraba que o apartarme a un lado eu era unha perda para a vida cultural ou social galega, e supoño que teñen razón en parte mais todos temos vida e límites humanos. Hai que saber levantar o pé do acelerador. Todos somos únicos e irrepetíbeis, ninguén é imprescindíbel na vida pública (soamente o somos na nosa vida persoal).
Resumindo, comprobei as dúas dimensións da figura do escritor, o escritor autor dos libros que é patrimonio dos seus lectores e o escritor que é “patrimonio nacional”, patrimonio dunha comunidade humana que o sinte “seu”.
Todo iso foi un test de moitas cousas, tamén de cariño recibido de moitas persoas: foime unha lección de humildade aínda que eu non saiba expresar mellor o agradecemento.
Tamén tiven a sorpresa un pouco desagradábel de que unha decisión absolutamente persoal, que ten a ver coa vida propia en último término, me fose recriminada “case unha deserción”, “como unha chamada a renunciar”. Implica unha falta de comprensión e de respecto persoal absoluta só comprensíbel en quen descoñeza as dificultades que temos vivido algúns neste país nas últimas décadas. Supón unha desconsideración personal e literaria do escritor a quen se lle xulga a conducta e, o máis preocupante, unha visión da sociedade na que non hai lugar realmente para o individuo. O contrario do que eu sinto e penso. Esa actitude ten base nunha concepción burocrática da cultura, piramidal e gobernada por comisarios vixiantes que se sinten donos da cultura e dos creadores. Para min non hai donos da literatura e a cultura.
Canto a manifestacións de xúbilo: “Unha excelente noticia!” ou de rabia, “boicot!” non me val iso de que “está tolo”, “un anormal”. Hai método de máis nesa loucura. Non son cousas de tolos cando circulan sen que ninguén llelo diga de frente, non cando son moeda circulante con normalidade de man en man. Se na cultura galega son normais as manifestacións de tolos sectarios esa cultura ten un problema profundo, é cousa de ir ao médico e miralo. O sectarismo, desde ángulos distintos, está desfacendo tanto a cultura galega como a española.
E agora a cumprir os compromisos adquiridos anteriormente, conferencia en Hamburgo, presentación do último libro en Zamora, en Toro, Feira do Libro de Vigo, dúas intervencións sobre o Camiño en Santiago e presentación do libro no pobo do meu pai, Formariz de Sayago no mes de Agosto (cando voltan os emigrantes ao pobo). E aínda seguiremos a rondar polas páxinas culturais do suplemento “Luces” de El País. Miraremos de cumprir cada un no seu e tamén de descansar un pouco, hai que ir encartando a gaita. Acabaremos por saír da crise aínda que non voltaremos atrás e algún día os palestinos terán un estado digno e terán parte da reparación que se lles debe. Até outra.
Arquivado en : FIN DE PARTIDA por susodetoro
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/4L0DInKUnzc" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Arquivado en : BAÚL MUNDO por susodetoro
O rito da tauromaquia pode que non sexa exactamente un culto á morte, senón ás vísceras. O que os asistentes queren ver ansiosos, de ollos abertos, son sangue e vísceras, do cabalo, do touro ou do toureiro.
Arquivado en : BAÚL MUNDO por susodetoro
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Otero/Pedrayo/arredor/elpepiautgal/20100604elpgal_19/Tes
Arquivado en : Artigos de prensa por susodetoro
Coñecín a Pepe Rubiáns nunha rúa de Compostela hai anos, andaba el como cómico que era polos camiños e as prazas cunha montaxe dunha obra de Darío Fo. Saudámonos anos despois en Barcelona, el achegouse a ofrecer a súa presenza nun acto de protesta contra a conducta daquel Goberno en relación co «Prestige». Era un trasterrado de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa).
Non entro en se tiña razón Pepe Rubianes ou o alcalde de Salamanca, só constato que gañan os de sempre, os «nacionais» e que perden os de sempre. E que as víctimas acaban aquí sempre por ser culpábeis. Pepe Rubiáns é declarado culpábel, unha vez máis. Culpábel «ad vitam aeternam».
Acouga, Pepe, non lles fagas caso. Descansa.
Arquivado en : BAÚL MUNDO por susodetoro
A tauromaquia é un lugar límite na cultura occidental actual, un resto doutra época, a época fundacional da civilización. Gostemos ou non das touradas chámanos a atención.
Hoxe leo nunha crónica dunha tourada, o crítico recrimínalle aos bois que sexan mansos. Quere que sexan bravos, ou sexa asasinos. E penso nun toureiro que está grave como consecuencia dunha cornada. O perigo de morte é o xogo da «corrida». O toureiro pon en xogo a vida.
Realmente o que se procura nas corridas é iso: presenciar unha morte humana.
(Os artistas non se atreven ao que os toureiros)
Arquivado en : BAÚL MUNDO por susodetoro
Falei onte polo mediodía cun amigo, recupérase xa dunha operación, e con outro pola tarde, cousa parecida. Hoxe apañei, outra vez, este libro do Philip Roth e pregunteime por que era que o abría e o deixaba estar unha vez e outra. Volvín ler nel: ao protagonista operárono de próstata, vaise voltar operar, o seu veciño que tiña cancro, matouse, encontra a unha vella operada que resulta que era coñecida de hai cincuenta anos atrás…Páxina 24 da edición de bolso. Parei.
Propósito para o ano próximo, variar máis a dieta literaria.
P.D.: Deixei pasar uns días e volvín ler no libro. Simplemente, do mellor Philip Roth, e iso é dicilo todo.
Arquivado en : BAÚL MUNDO por susodetoro
http://www.scribd.com/doc/11600912/suso-toro
Arquivado en : Artigos de prensa por susodetoro
Quen pense que a historia da humanidade é a historia meramente dos reinos, os estados, as clases sociais…, quen exclúa como categoría existente aos «pobos», quen ignore ou negue a Herder en suma, non comprenderá o comportamento do estado de Israel, un «estado xudeu».
Existiu e existe un grupo humano que se ve a si mesmo como «o pobo xudeu». Históricamente foi un pobo sumamente creativo tanto en espiritualidade e relixiosidaded como en intelixencia lóxica, un pobo cun gran poder para crear linguaxe. Tamén é un pobo que vive a Historia, unha historia específica e propia xudea, sobre dúas patas, a creación e a destrucción.
Esta nova matanza, esta de agora, é unha manifestación desa tendencia destructiva e autodestructiva dun pobo belicoso tanto no pensamento e como na acción.
E só podemos sentir lástima polas víctimas, indignación e noxo polos asasinos. E tamén o que pretendeu o estado de Irael con esa acción: dannos medo. E responsabilizamos a quen lle permitiu e lle permite a Israel chulear ao mundo: os EE.UU.
Arquivado en : BAÚL MUNDO por susodetoro