[lang_gl] DESCANSANDO DUN “TWITTER”[/lang_gl]

[lang_gl]

Abrín un “twitter” persoal (SusodeToro1)por causa espúrea, eleccións xerais, política desesperada. Que a Galiza non deixase de existir por ela mesma. As elecións xa foron, foron como foron, e xa non corresponde seguir.

Hai tempo que sei que internet é adictivo, non crea cidadáns, crea yonkis que precisan caramelos de gratificación constantes. Non aturan abstinencia nin aceptan contrariedades. Non sei ofrecer esas gratificacións.

Internet aliméntase de nós, engorda co tempo e a alma que lle entregamos e así vacíanos de nós. Internet impide ter memoria e eu son todo memoria, memoriador, mesmo do que non vivín.

Retírome un pouco, fatigado e deixando atrás o que fica atrás. Sen moverme de min nin de lugar avanzo na miña idade queimando naves.

Tras o fracaso electoral de “Nós” : O BNG comprendeu que viña un “tsunami”, portouse como nunca. Porén “Nós” fracasou. Pagamos a sona e o pasado do BNG das últimas décadas. Pagámolo tamén os que nunca estivemos aí e pagouno a candidatura. O que eu penso do BNG: “Nova política para unha nova nación”

Con todo, manter esa posición “Nós-candidatura galega”, unha candidatura aberta,soberana e sen suxeición a direcións madrileñas, era e mais é imprescindíbel para o futuro, para que o país exista. Tamén a cidadanía que non votou “Nós” debera agradecer que exista.

“En Marea-Podemos”: éxito espectacular. Porén ese éxito levántase sobre o fracaso dunha candidatura cívica, unitaria e soberana galega. Iso hai que sabelo tamén. O que non puido ser, o que xa non foi.

O pasado de onte e de antonte é un peso morto, que non condicione o labor: IMAXINAR O FUTURO INMEDIATO. PROCURAR, OUTRA VOLTA, UNIDADE. Para gobernar a Xunta e dar inmediatamente políticas xustas e rexeneradoras  a un país en crise existencial.

Comeza un ano novo, hora de pórse a un lado, hora da responsabilidade d@s polític@s e das organizacións. Desculpas e saúde.[/lang_gl]