BOA NOTICIA: MARCHA UN «OFUSCADO»

Nese mesmo programa ademais dese home, Xosé Carlos Caneiro que considera «unha boa noticia» que Suso de Toro abandone a escrita literaria como profesión e como carreira literaria (ademais de desexar que outros me sigan, así ha ficar máis espazo para os grandes e verdadeiros escritores galegos que, como o home de «La Voz», detestan o impuro e o marketing e fan arte de veras), a profesora Dolores Vilavedra explicou a miña decisión por estar eu «ofuscado». Os motivos penso que xa os expliquei, a esas explicacións me remito, o de que estou «ofuscado»: levo así toda a vida. Desde rapaz. E como escritor veño facéndolle exactamente as mesmas críticas á literatura galega (e, tamén, á literatura española). Basta con procurarse un exemplar de «F.M.» (Edicións Positivas, 1992).
Pensaron que o autor de «Polaroid» escribira ese libro nun momento de ofuscamento fuxidío? O autor leva case trinta anos de ofuscamento literario e intelectual. Vexo que, aínda hoxe, «Polaroid» é inaceptábel e perturbador.
(E por que non se editou «Polaroid» en castelán? Ninguén se preguntou por que deixei quedar ese libro só en galego? Porque parte da intención do libro era explícitamente para lanzar o meu «ofuscamento» á literatura e cultura galega. E desde fóra podería ser malinterpretado. )