[lang_gl] SOBRE UXÍO NOVONEYRA, poeta último[/lang_gl][lang_es]SOBRE UXÍO NOVONEYRA, un poeta último (en galego)[/lang_es]

(Publicado en El País, suplemento de Galicia. 17-05-2010)

UXÍO NOVONEYRA, o poeta salvaxe

Quen corra detrás da poesía, quen a pretenda como non ha ter envexa de Uxío Novoneyra, poeta único que cría realmente na palabra poética. A poesía é recibir a visita divina, a musa, un estado de encantamento e a poesía viviu en Novoneyra mentres el viviu.
Non, non podemos dicir que a súa poesía segue completamente viva xa que aí temos únicamente os textos, eses versos escritos. Non, estamos a falar da vida, que non cabe nas palabras escritas, só son sombra pálida, falamos de alguén que era posuído, que recibía visitas de algo remoto. A poesía só existe no bardo e no druida. Novoneyra era ás veces bardo e ás veces druida. É o único poeta que temos coñecido de quen se pode dicir iso verdadeiramente, que escapa aos límites históricos, que vai alén tanto da contemporaneidade como da tradición, poeta que se deita de cabeza a ese pozo que é a orixe telúrica e sagrada.
Non é extraño que o Celestino Fernández de la Vega lle escribise a Piñeiro, a quen axudara a traducir os poemas celtas de Julius Pokorny: “me parece completamente exacta tu observación sobre el parecido de muchos poemas de “Terras Altas” con algunos poemas del Pokorny. Novoneyra dice que no conoce el “Cancioneiro” y en ese caso se trataría de una adivinación poética, de una sencillez madura coincidente con una sencillez originaria, primitiva de la poesía celta.”
Obra breve, para qué había querer extenderse. Uxío é o contrario dun novelista, que representa nas súas obras as complexidades, dúbidas, contradiccións das persoas, da sociedade e da época. Novoneyra non se detén a ollar ao seu redor, non se sufinca no tempo histórico senón que se sitúa no tempo da humanidade toda e aínda máis pretende ser un eixo que una o ceo e a terra, aos humanos e a Natureza. Todo el é unha afirmación rotunda e sen dúbidas dunha vida plena. Para que había querer extenderse se toda a súa breve obra se resume aínda máis nunha soa palabra, nesa palabra que tanto nos costa pronunciar aos galegos: “Si”.
Dille si á súa propia vida, “ a miña infancia plena e superprotexida no Courel”, criado con cariño nunha casa labrega e farta. Tendo unha infancia así, un manancial tan vivo, como non había dedicar a vida a reivindicar unha vida plena, unha vida de persoas que habitan o mundo e o mundo aínda é mundo, o tempo antes da historia, o tempo das lúas, das mareas e das estacións. O tempo que mide co ir e vir dos traballos, “Veu a lúa das segas i a gadaña dos prados”. Humano no mundo, iso é “Os eidos”. O eido é o terreo domesticado, a terra humanizada. O mundo permítelle ao humano que someta un pedazo de terra, mais o humano que sabe que todo é sagrado debe dar grazas. Iso é traballo do bardo, agradece, celebra. Novoneyra é o bardo que canta ao mundo vivo e sagrado recoñecéndoo, o seu canto é unha ofrenda.
Porén, para coñecer quen era, para recoñecerse el e poder ver con ollos verdadeiros, “cos ollos ben abertos, e non só cos ollos senón todo o ser en estado de aberto”, para voltar ao seu ser primeiro, para iso tivo primeiro que ir a Madrid. Logo de cursar o bacharelato en Lugo, onde coñece ao poeta Manuel María, vai estudar a carreira de Letras a Madrid. Alí pasa as horas na Biblioteca Nacional a procurar na poesía toda de todas as linguas e ronda o faladoiro do Café Gijón, onde se reúne a intelectualidade literaria madrileña na posguerra. Empeza a redactar un poemario en castelán, “Abrojos”.
O servizo militar traéo de volta, serve no cuartel de Santiago e así pasa a tratar coa intelectualidade galeguista que se reunía nos faladoiros dos cafés compostelanos, Maside, Otero, García-Sabell, o xove Ferrín, Ramón Piñeiro. O diálogo intelectual sobre todo con Piñeiro lévao a facer un cambio de lingua literaria do castelán ao galego. “Aquel ano, 1952, escribín o primeiro gran núcleo de “Os Eidos” ”. O poeta Díaz Castro, que o coñecera nesa primeira estadía madrileña, escríbelle logo de ler “Os Eidos”: “Os Eidos” fue para mí un fenómeno inesperado. Después de haber leído en Madrid algunos de tus poemas castellanos, me sorprendió francamente tu cambio de idioma, de temática y hasta –casi- de enfoque mental de la realidad.” Sen dúbida nese momento deuse un cambio profundo no poeta, empezou a ver o camiño para dicir o que tiña para dicir. Reencontrándose coa lingua puido achar a palabra poética que precisaba. Puido andar o camiño de volta até a montaña, xustiño na beira do ser salvaxe.
A súa propia persoa foi a confirmación de que a vida podía ser máxica, o seu oficio foi ser neno. “O Novoneira é un auténtico e interesantísimo poeta e, ao tempo, moi desordeado, moi bohemio e moi arbitrario no seu comportamento persoal .(…) Como poeta é francamente bo; como persoa francamente tolo. Quizais as dúas cualidades estean esencialmente unidas no seu caso. Non preciso dicir que o considero unha das máis rexas e interesantes personalidades das xeracións galegas novas”, así o vía a ollada esculcadora de Piñeiro. Sen dúbida Piñeiro coñecíao ben. E acertaba en chamarlle poeta auténtico, o que cre no poder da palabra. O que resgata as palabras da súa intrascendencia para poder volver darlle o seu nome limpos a cada cousa, para nomear a vida plena. “Se algo compete á poesía é a destrivialización das palabras”.
O poeta Novoneyra estivo entregado a ser salvaxe e inocente como un neno e, con todo, tiña unha visión clara e madura da poesía, reflexionaba sobre o seu mester: liberar a palabra maltratada e devolverlla á tribu. Mais aquel poeta que procuraba a montaña orixinaria, voltaba alí e sentía rexenerarse naquela fonte, non deixaba de ver como vivía a historia a súa tribu: “Unha recuperación da función primeira da poesía é a de recuperar o primeiro entusiasmo, o sentido da totalidade, sen por iso demitir da máis aguda conciencia e actualidade.” E por iso escribiu “Vietnam canto”. E por iso se preguntaba, “Galicia, ¿será a miña xeración quen te salve?/¿Irei un día do Courel a Compostela por terras libradas?” Mais el soubo que a liberación plena da xente está en non ficar encerrada na historia e ir máis aló: “Folga xeral contra da Historia”.
Contra a Historia, a rabia. Mais o poeta non pode deixar de dicir a derrota que albisca, pois o bardo ten que animar á victoria e mais ten que prepararnos para a derrota. En presenza dunha casa labrega cerrada tras a morte do seu vello dono: “ Tápote coa nosa Lingua para disimular tan pouco bullo/ e nela quedes como quedaremos/como quedaron todos./Xosé de Cospeto/ o teu nome xa está posto a extinguir./Chamáronnos Galicia”. Unha tribu que ve extinguir, por iso repite o nome da tribu.
Coa súa voz de poeta e de rapsoda, un mester antigo e fora de época, foi de novo a Madrid nos anos sesenta e alí traballou dicindo os poemas doutros poetas na TVE e na Radio Nacional. Mais el xa se fundara poeta, era un poeta a dar voz a poetas. E sabía que tiña un centro nun país chamado Galicia, nunha montaña chamada O Courel e nunha cidade chamada Compostela. Sóuboo sempre, até morrer e ficar sen voz.
A poesía de Novoneyra non é para o escéptico, debe causar arrepío ao “moderno profesional”. Allen Ginsberg tamén oubeaba, mais era unha queixa, laiábase de estar só no mundo, só se tiña a si propio. O oubeo de Novoneyra era o do último lobo, afirmaba a súa presenza ollando desde a montaña ao mundo dos humanos alí abaixo. Até o último oubeo repetiu que os humanos facemos tribu e que a tribu está no mundo vivo. Xa non se lle oe. Dicía Carlos Maside, “versos que, máis que lelos, oióllos dicir”. E a Novoneyra non basta lelo, hai que atreverse a ouvilo dicir.