«MEMORIES OF YOU»
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/NZGnRUl7q1w" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
Aquí vai o Mingus coas súas “Memories of you”. Venme ao caso cando repaso as “bitácoras”, os diarios dese escritor que quería existir. Encontro nuns apuntamentos de hai vinte anos algúns pasos conscientes dun camiño que conclúe cun mutis, consciente.
24-Maio-90 (Noite)
Veño de presentar a edición en castelán de “Un millón de vacas”, de Manolo R. O contacto cos editores, Silvia e Eduardo, e as expectativas, (…), animoume moito. Doutra banda, agudízaseme a contradicción que veño vivindo estes días, teño a necesidade cada vez maior de dedicar todo o tempo á literatura e iso tropeza coa vida que teño montada. Esta contradicción estame facendo tolear.
Supoño que esta acumulación de enerxía vaime conducir a algún tipo de resposta brusca. Sempre me pasa igual, cóstame tomar decisións, retardo o tomalas e despois tómoas de xeito violento. En fin. Algo teño que facer. Ou consigo unha excedencia ou consigo tempo. Quizais poda sacar unha solución “realista” conseguindo un local para traballar e o tempo.
6-Marzo-91
Estou nun novo momento de inestabilidade, liquidez e crise de transformación (supoño).
Dun lado o consolidamento do conxunto do que levo escrito. Hai un recoñecemento relativo. Aínda haberá quen negue os meus libros por “non ser literatura”, pero o certo é que xa hai tamén quen os respeta. Con todo, ninguén puxo por escrito aínda o que supuxo na nosa literatura a publicación de “Caixón Desastre” e “Polaroid”, a influencia en autores e público.
(…)
Tamén vexo cada vez máis necesaria unha necesaria “radicalización” na miña actitude como escritor. A miña condición de “traballador por conta propia” ten que coexistir coa de “profundador” a través da literatura.
Tampouco é un problema pequeno a cantidade de encargas e peticións de charlas. É difícil o acougo.
(…)
6-Marzo-91
É duro o papel que escollemos. É preciso seguir sendo irónico co patriotismo e a autocomplacencia e ao tempo defender ferozmente a nosa identidade. Ese papel lévame a dar andazos e oscilacións que supoño causan desconcerto aos espectadores. Pero decantarse por calquera dos dous polos en exclusiva sería traizoar o que penso e sinto.
Arquivado en : FIN DE PARTIDA por susodetoro