«librodenotas.com»: Marcos Taracido: sobre a 2º persoa en «7 palabras» e unha entrevista
Non coñezo en presencia encarnada a Marcos Taracido, só a través da Internet. Faloume del un amigo, David de Ugarte, hai uns anos, desde entón tivemos oportunidade de que fose o meu editor, «Andar tropezando«, e aínda con iso e con vivir a poucos quilómetros de distancia non nos temos tropezado. A vida moderna élles ben rara.
Neste apuntamento no seu Libro de Notas Taracido reflexiona, moi agudamente, sobre o sentido da segunda persoa na narración, en concreto en «Sete palabras» (a editorial galega é «Xerais»). Un últimamente xa non está afeito a ler comentarios puramente literarios, como os seus, e agradéceo.
Sobre a segunda persoa: coido que acaba de ter sentido precisamente cando decido abandonar a escrita literaria e a vida de escritor. Cando escribía o libro non era consciente de que me estaba a conducir ao que Marcos chama un «suicidio» do autor (máis ben paréceme unha extinción. Non sei).
Ademais, o que comezou sendo un intercambio de «emails» acabou sendo un interrogatorio ou unha entrevista, segundo se mire a cousa.
Arquivado en : FIN DE PARTIDA por susodetoro