“MUROS DE SAL, NAUS DE PAU E VELA”

Sobre un “Encontro de embarcacións tradicionais” celebrado en Muros, 2009.

MUROS DE SAL, NAUS DE PAU A VELA

Estoutro día a vila de Muros vestiuse de pesco; as casas, as tendas, a xente memoriou o oficio de vivir do mar. A vila acolleu con arroubo ao Encontro de Embarcacións Tradicionais: dornas, gamelas, barcos do xeito, pataches, até cento sesenta barcas de pau e vela de lona encheron o peirao muradán e por un par de días encheron de memoria á ría facéndonos ver a todos o pasado con ollos novos. O noso pasado foron traballos e pobreza, a vida das xentes do mar foi até hai cincuenta anos a máis dura, mais en vendo todas esas naos, todas esas artes, todo ese oficio sentimos o orgullo de comprobar canto soubo facer a xente do mar, canto sabe.

A Galiza ten mil trescentos quilómetros de costa, máis da distancia de cruzar a Península en diagonal, temos a costa dun país grande abondo. Marítimamente, mariñeiramente somos un país enorme no medio do océano. A nosa pesca é hoxe a grande frota europea e antes foi toda unha civilización que adaptou e creou tecnoloxías e deulle o seu xeito. A pesca galega foi e mais é a flor da pesca europea, só os vascos se poñen perto de nós. Está mal dicir isto? Non, o penoso é ignoralo.

É ben certo, hai moita tecnoloxía afinada, oficio elegante, deseño habelencioso,  fermosura lisgaira nunha dorna a vela. Vémola no noso mar e sentimos o mesmo orgullo e o arreguizo da contemplación da beleza que sinten os corazóns libres. Joseph Conrad ollaría iso con recoñecemento e simpatía.

E vendo a esta xente que adica parte do seu tempo libre no coidado destas naves tradicionais cavilamos en que cousa é que os move tanto, pois hai moito cariño a soprar nas velas desta frota antiga amarrada no porto. Ten sentido a súa angueira? É un cariño absurdo?

Nunca o cariño é absurdo nin inútil, o mellor de nós é o que damos gratuitamente. E somos os contemporáneos, os que voamos en avións e viaxamos en autos, porque até hoxe nos negaron os trens rápidos, quen podemos aprezar o leigado do nosos mariñeiros, das nosas pescas. A bordo deses barquiños vellos ben conservados, ou novos feitos de encarga no carpinteiro de ribeira, van arquitectos, profesores, empresarios, traballadores de todo tipo, persoas con profesións na terra, mais toda é  xente tan orgullosa que acepta ser discípula dos mestres do mar, os nosos mariñeiros.

A nosa mariñeiría foi e mais é xente activa e emprendedora, contra os pailáns acomplexados que nos predican o autoodio, lembremos quen fomos e quen somos. E deámoslle un sopro de ar a esas velas, ás velas dos nosos barcos.