VÍCTOR MUÑOZ e «Home sen nome»

Leo no «Babelia», un artigo de Carlos García-Alix, «Zambra de la revolución», http://www.elpais.com/articulo/arte/Zambra/revolucion/elpepuculbab/20090314elpbabart_9/Tes, no que alude ao asasinato, o «paseo» dun «falangista gallego», Víctor Muñoz Baijón. Víctor Muñoz apareceuseme cando investiguei o pasado da miña cidade para logo imaxinar «Home sen nome» (Ed. Xerais), era un dos nomes daquel murmurio afogado de voces do pasado e atrevinme a facelo falar na miña novela.

Realmente non era galego e se llo chamasen habíase alporizar, era un hipernacionalista español,  nazi convencido veu de Madrid a Santiago para fundar Falange Española e tivo un papel importante na axitación e nos atentados na Galiza previos ao golpe dos militares nacionalistas. O día 20 de Xullo cando, ás doce da noite o reximento de Artillería e unha compañía da Garda Civil ocupan a cidade, él xa estaba en Madrid preparando os apoios ao golpe.

O artigo retrata miserias humanas, as miserias dos días de golpismo e de revolución. Convén que as grandes palabras e ideais non nos impidan ver as miserias, que é unha parte importante da mateira da que estamos feitos os humanos.

Por certo que algún día terei que comprender, non o comprendo aínda, o que lle ocorreu a «Home sen nome» (ou ocorreume a min?), pois no mesmo suplemento literario vexo unha páxina dedicada ao «libro de la semana», un libro, «Zona» de Mathias Enard, que polo que leo aí ten tanto a ver co meu romance. E, disque, coas «Benévolas» de J. Littell. Algún día poderei ver con distancia «Home sen nome» e comprenderei que carallo lle ocorreu para ser tan pouco visíbel (pode que fose por esa invisibilidade que xa introduce o título do libro). Fágome vello e non dou aprendido o que debera, a vida corre máis que un e a cada vez ficamos máis atrás, resultamos máis parvos.

Olark Livehelp