BOTELHAS E BOTELLAS
Hai anos xa (cando foi?, no 1998, 99?) que abrin unha páxina web que titulei «Botelha ao mar», escrito en galego, ao xeito internacional. Pensei que Internet me ofrecía a posibilidade de dicir o que me prohibiran no papel. Aquela páxina non rexistraba as visitas nin tampouco aceptaba deixar comentarios, preferín a distancia, aínda a prefiro. Deixei de escribir alí porque non podía xa con todo o que tiña enriba, foron uns tres anos, con subidas de textos mensuais e quincenais. Tiven tentacións de pasalo a papel, non o fixen. Mesmo perdín os textos todos, perdín a páxina web, e houbo alguén descoñecido, e a quen agradezo, que rescatou os textos todos e volveunos pendurar na Rede (Non sei se todos podemos ser heroes, como cantaba DAvid Bowie, mais calquera pode ser mago ou meiga).
Anos despois escribín nas páxinas de cultura galega de «El País» unhas novas botellas ao mar, xa coa ortografía oficial pois no papel rexen as leis da autonomía, a diferencia da Rede, onde se busca saltar fronteiras administrativas e achegarse (naquel caso á xente que fala e escribe a nosa lingua noutros países, Brasil, Portugal, Mozambique, Angola…). Non sei se terán a frescura, ou a amargura, daquelas outras «botelhas» primeiras.
Pola rede encontro aínda algunha páxina coas miñas botellas, cousa que agradezo desde a distancia, mais vou deixar quedar aquí todas as que dea recuperado, as de antes e as de despois.
Arquivado en : BOTELHAS Y BOTELLAS por susodetoro